FOXO DO LOBO DE GUENDE. Concello de Lobios

    Intervencións promovidas polo Concello de Lobios no Foxo do Lobo de Guende, tamén chamado Casa do Lobo, situado no corazón da Serra do Xurés, entre a aldea de Guende e os Picos de Fontefría.

    Levouse a cabo a recuperación do camiño medieval dende a aldea ata o foxo, e a sinalización do roteiro con esculturas de lobos, ideadas polo artista Toño Monteiro, que nos van guiando ata o foxo, no que se levou a cabo a súa restauración ao través de dúas intervencións.

    O fermoso camiño lousado que dá acceso á espectacular trampa, comunicaba no medievo os mosteiros de Pitoês das Júnias e Santa María de A Cela.

    No foxo do lobo de Guende capturáronse moitos lobos que eran paseados polas aldeas da comarca atados e amordazados para exhibilos como un trofeo. Trátase dun foxo de cabrita, ou sexa, unha construción circular pétrea de case tres metros de altura coroada con capeas, en cuxo interior se depositaba un cebo vivo que atraía ao lobo, este subía por unha rampla e saltaba ao interior; fatal decisión da que xa lle era imposible fuxir.

    A orixe da trampa data da Idade Media, debido ao conflito encarnizado entre o lobo e o home ao longo dos tempos, un procurando sobrevivir e o outro procurando o seu exterminio. Este feito levou a argallar monumentais trampas nas serras e nas inmediacións das aldeas para atrapalo, coma o foxo do lobo de Guende, e outros foxos espallados pola Reserva Internacional da Biosfera Xurés-Gerês, un auténtico museo ao ar libre do Patrimonio Cultural.